Sunday 05 de May de 2024

Feijóo valora o ánimo construtivo da Conferencia de Presidentes e que esta destaque o financiamento da sanidade e o reto demográfico como claves


Subliña a coincidencia dos asistentes en cualificar o financiamento como un tema clave, así como a necesidade de establecer tres principios: o custe efectivo dos servizos, a multilateralidade e a estabilidade

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, valorou o ánimo construtivo da VI Conferencia de Presidentes e que esta destaque o financiamento da Sanidade e o reto demográfico como claves. “Hoxe levantamos moitas expectativas e asumimos moitos compromisos. Fomos moi ambiciosos no contido e alcance dos acordos que adoptamos e quero destacar a actitude receptiva do Goberno central e dos responsables autonómicos. Vin en cada unha das intervencións dos presidentes autonómicos un ánimo construtivo xeral, fóra de plantexamentos ideolóxicos de partido, así como unha predisposición ao acordo”, dixo, incidindo en que na súa opinión “hoxe avanzou a España autonómica”.

Se ben recoñeceu que o camiño iniciado esta mañá aínda ten por diante moitas etapas, Feijóo valorou moi positivamente que os tres asuntos que para Galicia son fundamentais: o financiamento autonómico, o pacto demográfico e o pacto pola educación, fosen tamén os asuntos “estrela” da Conferencia de Presidentes.

En relación ao financiamento autonómico, Feijóo destacou a coincidencia dos asistentes de cualificalo como un tema clave, así como a necesidade de establecer tres principios: o custe efectivo dos servizos, a multilateralidade e a estabilidade. “O custe efectivo dos servizos, porque o financiamento autonómico ten como obxectivo fundamental financialos, é dicir, financiar o que costa prestar os servizos sanitarios, educativos e sociais en cada comunidade coas súas singularidades e as súas especificidades”, precisou, ao que engadiu que “o diñeiro que hai entre todos imos repartilo entre todos, de acordo cos criterios que pactemos”.

Así mesmo, subliñou a necesidade de buscar un sistema de financiamento con vocación de permanencia e para iso referiuse ao acordo de estudar a dependencia como unha peza separada ao igual que a Sanidade, que supón o 40% do total do gasto das comunidades. “Os datos de envellecemento e da dispersión son claves para o financiamento autonómico”, aseverou, lembrando a modo de exemplo que a Autonomía galega conta con máis do 14% dos centros de saúde de España, pese a ter só o 6% da súa poboación.

Sobre o pacto demográfico, o presidente do Executivo autonómico trasladou a súa satisfacción por que este reto, que xa está na axenda pública de Galicia desde hai tempo, se incorpore agora á axenda política nacional. “É evidente que temos unha gran tarefa que é facer unha análise, un diagnóstico e un plan estratéxico da demografía de España e acordamos que neste 2017 ten que estar elaborada e desenvolvida a estratexia nacional fronte ao reto demográfico”.

En relación a este punto, aproveitou a súa intervención para agradecer que na elaboración desta estratexia se teñan en conta as conclusións que Galicia, xunto a outras sete comunidades, presentou no Comité das Rexións.

No eido da Educación, Feijóo lembrou que o pacto educativo empezou xa coa conferencia sectorial á que asistiron os conselleiros de Educación e o ministro; “e o que plantexamos hoxe é buscar un pacto básico sobre a Educación en España”, avanzou, valorando positivamente o feito de que para chegar a ese pacto terase en conta ás comunidades para facer un diagnóstico da situación e unha proposta de tratamento.

Ao longo da rolda de prensa, Feijóo destacou tamén outros asuntos sobre os que se debateu. “Son 12 asuntos sobre os que debatemos e todos foron aprobados”, dixo, referíndose entre outros a un pacto contra a violencia de xénero.

Así mesmo, destacou o debate sobre as políticas activas de emprego, cunha maior énfase nas políticas de paro xuvenil, sobre a tarxeta social e o bono social, así como as posibilidades de mellora de condicións para os traballadores públicos no referido ás súas oportunidades de mobilidade e unha maior presenza e participación das comunidades autónomas no foro europeo.